Páginas

jueves, 16 de febrero de 2012

VILLAR JANEIRO, Helena








AS TÚAS  MANS FIXÉRONME XARDÍN

As túas mans fixéronme xardín,
xardín que se cubriu de buganvilias,
de xorros mornos,
de cantos e olores
tal como aconteceu no paraíso.

O bo xardín amante, sempre oculto e semisilencioso
quere ser para ti camelia e mirto
e ofrecerche benvidas de colores
danzando as percusións das carricantas,
dos grilos
e das ras.

Mentas me cobren
as pingotas de mel que deita a tarde
no violín do vento
agardo a que se espallen os perfumes
 que trae a noite
o termo do farol para que o apague a brisa
que como en beixo envían as montañas.

E vístese o xardín de estrelas e de lúa,
os peixes colorados bulíganme no ventre
e as ás das bolboretas en vértixe
búscanme os seos.

Cando te vas
adormece o xardín como un infante
amamantado polas lilas húmidas
e apousado na miña desnudez.

E canta paseniño
aniñando na rosa do meu corpo
o paxaro da alba.


E COMO CERVA NOVA SOÑO COAS ALBAS


A noite é longa e eu
apéome do soño pola escada de olores
que queda sobre o sono,
polos ecos do blues que tremece  nas blondas
brancas da lencería.

A chuvia que escribiu o seu adeus azul sobre o tellado
deixou tamén no aire
o fresco agurgullar das augas todas
entre todas as frondas.

A noite é longa e eu
báixome dos brincos da miña infancia
e como cerva nova soño menceres
na fonte onde lavaban camisas as belidas.

A noite é longa e eu
cruzo como amazona as primaveras
e coas papoulas e os trigais ondúlome
ás cóxegas do vento.

A noite é longa e eu
retorno á amante sombra da túa árbore
de novo sacra e ergueita cal ciprese.

¿Soubo Beethoven
que eu podía vivir cabo de ti
aquél mencer de trigo e paspallás
do seu Der "Wachtelschlang"
na veciñanza da alba?


De : Festa do corpo