sábado, 21 de abril de 2012

NOVONEYRA, Uxío




LIBERTÁ chamas nos ollos tristes nas caras do METRO
nos que xa perderon o futuro e ganan o pan con sobresalto
na gran cidade nos tesos cumes i en todo o silencio preguntando.
Vélante os xóvenes
i os que saben da morte e xuntan inseguranza e desamparo.
Cando vexo un neno penso en ti
e si oio un bruído sin nome coido que ti chegas i acude todo o sangre.
Todo bruído sin nome é un agoiro.
Madrid / O Courel
1962- 1964



Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí  síntese ben o puco que é un home...Os Eidos 1952. 







viernes, 20 de abril de 2012

LEDO ANDIÓN, Margarita



A ESCALEIRA

Tiven medo, é certo.Eu era 
moi meniña :soio tiña tres anos.
Subía as escaleiras ás escuras.
Ó lonxe ouvía risas .E maxinaba
 albres que xogaban á baraxa,
ánimas teimosas , xentes vengativas
que agardaban naquel sitio 
tan raro no que había 
unha parede e outra e outra.
Eu entón falaba en voz moi outa:
ás vegadas chegaba a ter un tono
de mala educación, quero dicir 
que daba berros.Pero seguía 
subindo pois, ó que eu tiña medo ,
era a voltar a testa e ver
que o meu país estaba soio
no meio das escuras escaleiras.


HAY UN INTRE

Hay un intre  no demorar consciente,
no que deixamos fuxir ceibe 
a sorrisa.Entón, envolta escuramente
en claves, vai percorrendo
as vidas dos homes e dos insectos ,
das pedras e do infindo.
Cando volta prao berce  non é escura, 
nin clave dun pensar:
xa é un pouco home ,
pedra insecto e infindo.
E ainda hai quen pregunta
por que deixamos 
ceibe, nun intre unha sorrisa.


De: Parolar cun eu, cun intre , cun insecto





domingo, 15 de abril de 2012

GARCÍA FERNÁNDEZ, Xosé Lois




EXPLOTACIÓN

Eu traballo,
tí traballas,
él traballa,
nós traballamos,
vós traballades.
Eles comen


CON WILLIAMS

Neste coarto cincento e tranquilo
durmo controlado
por un monstruoso reló
que aparenta ser decorativo
misturado coas numerosas figuras 
farrapentas e maquiavélicas,
golpea rebuscando verbas
que me impresionen
con fosca soniridade
tódalas mañás.

Cando remata de tocar
xa me atopo reproducindo
a miña comedia diaria:
lavándome, peiteándome,
correndo para o autobús.

Póñoma a producir autos
esporádicos que ao mesmo tempo 
Buñuel lle semellaría
unha choscada.

Este maldito reló
coa súa oratoria de cálculos
monopolizantes,
faime erguer cada nañán.

Máis cando o amigo Williams
chega ao seu coarto
o xusticieiro reló
mistura no seu ouvido
os laios da súa amante.

O amigo Williams cando mostra
faces de George Washington
o mesmo reló fica sorprendido.

Cando teñamos billetes
con rostros simpáticos 
como os de George Washington
o meu reló
hase de voltar máis compasivo.



De: Borralleira para sementar unha verba

.



sábado, 14 de abril de 2012

NORIEGA VARELA, Antonio




http://es.wikipedia.org/wiki/Antonio_Noriega_Varela

A BRÉTEMA
(Prá miña filla Cándida)

A brétema, ¿tu sabes?, é ceguiña:
os piñeirales pouco a pouco explora,
i anda sempre descalza, e si se espiña,
sangrar, non sangra; pero chorar, chora...

¡Chora copiosamente a pobresiña!,
como chorou Jesús, cal chora a aurora;
i en maus do sol é cada lagrimiña
derramada, unha estrela briladora...

¡Lagrimiñas preciosas!, recollelas
mil veces se me ocurre, pra con elas
facer... (si xa non soño, ¿que eu faría?)

¿Unha sarta me pides? Lograreina,
¡como un rei a quixera pra unha reina!,
como nunca se veu na xoiería.


                                



E PORQUE É TAN LUGUÉS..

E porque é tan lugués, e porque o pide
teu xeito agreste, porque ben lles prace
ós verdes do Vilar de Lamonide
i ó hostil acivro que ond'a murta nace;

Teu paniño encarnado me namora,
linda serrana, moza churrusqueira,
que nos montes de Argán eres pastora
e no Fondal da Graña tecedeira.

¡Meu corazón, aquel que en noite triste
se apartou destes ermos, que o sol viste,
si ó cabo torna dun país lexano,

si, aínda que seña inverno, a vir se atreve,
mentras de vagarciño cai a neve,
chorará com'on neno ó ver teu pano.




VERGARA VILARIÑO,Fiz







FONTE DA COVA

Esta Fonte da Cova garuleira
xigantesca vaxina de pena caliza,
en cada onda tráeme novas de ti,
e en cada golforón dime por que existo,
porque estou aquí,
xunto o vello muíño,
agardándote
espiollado.

Do corazón da rocha dura
xorde xelada e cristalina
nun enorme regueiro escumeante,
entonando cántigas aprendidas antano
nos mismos labios dos devanceiros mortos.

Ten un arrecendo a paxartos e labregos,
nacidos en lonxanas terras de ningures,
e chega ós meus beizos con sabor a ti,
noiva desexada
e  nunca tida
enteiramente.

Do fondo desta Fonte nemorosa,
templo catedralicio da miña nenez,
quixera verte xurdir algún día,
núa, abrazada ás ovas verdecentres,
como si foras unha sirea de auga doce
e acabaras de copular cun somorgullo.


II

Quero te-lo teu corpo adolescente
xunguido co meu corpo máis maduro
e senti-lo seu folgo dulce e puro
ó compás da careixa translucente.
Quero te-lo teu sangue, lava ardente,
mesclado co meu sangue medio escuro
e amainar deste xeito o cancro duro,
inimigo feroz, ferro candente.
Quero terte,  muller, en carne e óso
e lateres na miña pel tremante
o mesmiño que un xílgaro saudoso.
Quero terte lizgaira e gaiolante
a me cantares cántigas de noso
ata fretarme libre,mar adiante.


 De: Nos eidos da bremanza



martes, 10 de abril de 2012

FERNÁNDEZ TEIXEIRO, Manuel María

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.

De: Canciós de lusco ó fusco

ROSAS

SEMPRE a rosa. Sempre:
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.
Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplesmentes: ROSA,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.





De :A lus ressuscitada 


O ARADIÑO

Labrado da miña mau
Fixen coa miña navalla
Un aradiño de pao...
Leva timón e chavella
!e unha rella furadora
Feita cunha lata vella!
Ten orelleiras, rabela
Tan luída e rematada
!que namora mirar pra ela!

O meu arado e tan feito
!que pode incluso esfender
labradíos a barbeito..!

!Teño xa que darlle estreno
ó meu arado arador,
ó meu arado pequeno..!

!E non sei onde hei de ir
busca-los bois que preciso,
busca-los bois pra xunguir!


 "O aradiño " Música : Mini e Mero
https://www.youtube.com/watch?v=ZeAosIChFeg