A VOLTA DA PRIMAVEIRA
(Imitación de Ovidio)
O brando Favonio xa sopra na veiga.
O merlo asubía fervendo de amor.
A doce ruliña xa brua na chousa.
Xa atruta nos soutos o cuco traidor.
Os nenos xa collen as lilas y as maias
na beira do río, no monte, no val.
Xardís son as veigas i os altos penedos.
Xardín delicioso volvéuse o toxal.
A cabra relouca mas brañas pacendo
ó doce da abella monótono son..
Roseiras, ourego, perfumes, cantares.
¡Qué Dios te bendiga, garrida estación!
O noso labrego sorrindo ademira
os agros inmensos que veñen e van;
os agros inmensos que chucha Favonio,
os agros inmensos y as combas que fan.
Ei, Musa, desperta, ruliña graciosa.
Pasaron as neves, abril xa chegóu.
Na beira do río pulsémola lira,
as maias xa baila; xa o merlo cantóu.
Cantémolas veigas, cantémolos montes
cantémolos ríos y as voltas que fan;
cantémolos agros, ruliña graciosa,
os agros inmensos que veñen en van.
HISTORIA DUNHA ROSIÑA
Antes foi, pola tardiña,
estando á beira do río
vin unha rosa branquiña
que axitaba a cabeciña
toda tembrando de frío.
¡Ai!O Norte asubiaba
entre os ispidos salgueiros....
de frío todo tembraba,
todo parecía que daba
os suspiros derradeiros.
Tristemente cheguéime eu
a aquela dorida fror
que o sol de maio non veu
nin os chuchiños sintéu
do Favonio nin o amor.
E vina .....Fror sin ventura!
Xa deitadiña no chan...
Morta, si....tanta fermosura
deume máis e máis tristura
i acariciéina coa man.
E nin aroma botaba
nin brillo tiña a infeliz.
A morte nela reinaba
i onde a morte os olloos crava
todo é morte e pena alí.
I a rosiña agariméi
con cariño e pena eu
i ó irme d-alí non sei
porque triste suspiréi.
¡Rigores do sino meu!
De: Poemas Galegos
No hay comentarios:
Publicar un comentario