Nado en Cangas (1932) exerceu de profesor no colexio de Fingoi de Lugo e foi catedrático de lingua e literatura en Sarria .
QUINTANA DOS VIVOS.ESCOLMA
Ó poeta Méndez Ferrín, irmán de soños celtas
AH, poeta peregrino entre os fumazos,
entre as torres, entre os ruídos do inimigo,
vinte un día coma un pobre
verrón bravo enguedellado
entre arteiros finos fíos coloridos
de novelos enliadores e malvados
colocados baixo o monte dos cabalos,
baixo as lindes do teu reino
para terte prisioneiro, secuestrado.
Ah, o rebumbio que te cerca, que te abafa,
mar revolto de cen ventos encontrados,
de galernas, de trulladas, de neboeiros
de encubertas aguacións e traidorías,
de odio, envexa, e rancor disimulado.
Vas de barco bambeándote, naufragas,
vas cruzando lentamente as longas noites
dun invemo interminable, duro, ingrato.
Ah, os espellos, as farolas, os enfeites
destas rúas, destas salas, canto engano.
Tantas festas, fastos, feiras, tanto entroido
e despois, en canto saes, nun calello,
ou se acaso nunha tasca de mal viño,
nun recuncho húmido, cotra, miserable,
xa te prenden, xa te enlían cos seus rabos
gatos negros, ruíns escouras, refugallos,
medios seres que te lamben e que agardan
o preciso intre de darche o navallazo.
Ah ese engado consumeiro, todo teatro,
de patrañas e aparellos e aparencias,
soño vil e tentación, demo nefando
que nos deixa nas raíces sen a seiva,
sen o vínculo co pobo, tencionando
enturbar os nosos vieiros cara adiante,
cara atrás gloriosos marcos do pasado.
Ven e sube, busca os cumios onde aínda
vibra ó vento en rebeldía a carpazona,
onde medran espiñeiros, uces, toxos
que enguedellan con mil fentos e carrascos.
Ven e berra desde o teu nobre cabalo.
Retoma a voz potente, non confusa,
amigo limpo e fiel, ferro invencible,
campá de son preclaro.
Volve ós cons do castro esgrevio e, desde arriba,
no teu sitio, contra os ventos, posto en alto,
continúa a ser o forte, o deslumbrante
faro e luz que pola noite sabe guiarnos.
Ti volve, Perceval, pola congostra,
pola Verea Vella, ó derradeiro
reducto de occidente, ós nosos ermos
de albergues onde triscan os teixugos,
antiga patria arnal dos cochos bravos,
e ven sempre de bruxo, druída e bardo.
De: Luz de Novembro
No hay comentarios:
Publicar un comentario