sábado, 14 de noviembre de 2015

YOLDI SANMARTÍN, Montserrat


Nace en 1956 en Monforte de Lemos.Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, exerce como profesora de Ensinanza Secundaria.Colaborou  en diversos proxectos de ámbito educativo  así como no desenvolvemento de programas pedagóxicos relacionados con figuras da cultura galega.Tamén participou en recitais e obras colectivas do grupo poético  coruñés "Diversos"


COA SABEDORÍA DE TODAS AS MULLERES
que foron
sentarei
unha mais
ante o tear.

Elaborarei unha peza
liño ou cantiga
coa que abrigarme
no longo camiño
do frío
tramarei coa lanzadeira
todas as bágoas
todos os versos e cancións
todas as noites e menceres.

E cando chegue ao norte
e volva ás augas xélidas
ao meu pazo de carambelos
e sargazos
cando a noite abisal me apreixe
sacarei do baúl o manto
coas cores dos teus ollos
urdido
co murmurio lene dos teus beixos
enfeitado.

E serei novamente escriba
alquimista
desvelando a cifra da túa pel
no lenzo gravada.

Deitareime logo
no xardín dos afogados
entre os mastros vencidos.

E escoitarei as conversas antigas
dos barcos
Coas pálpebras baixas.


CHEGAS
vas quitando
unha
a unha
as máscaras
e no silencio cálido
ofrécesme
a dozura desarmada
do teu rostro.

De : Coas pálpebras baixas


No hay comentarios:

Publicar un comentario