A CARÓN DO CORAZÓN( Fragmento)
Os nenos da froita do tempo
zugabamos seiva e zume
comiamos polpa e pela
carozo e coia
-ata a denteira de ansias verdes-
a propia e a allea,
a silvestre e a prohibida
co único prezo da astucia,
a complicidade da noite estrelecida
e a protección da lúa chea.
Eramos nenos gorentando veráns de devezo
coma poldros desbocados, nos territorios da infancia,
carreiros transitados polos pés áxiles da ilusión
naquela miña tribo de albas brancas
e solpores de soños incumpridos.
Patria de palabras propias
que prenderon perennemente nos nosos corazóns.
Eramos nenos que mirabamos ao ceo
coñeciamos os segredos do vento
tiñamos o padal virxe
e adiviñabamos a sazón na súa pel
-esa cor adolescente das cereixas-
Enchiamos os petos de arrecendos
para fartar corpo e alma
e soportar as densas sombras do inverno
mentres durmía a montaña gris
nos ollos pechos da xanela.
Cando o silencio cubría
ausencias no cuarto baleiro
mentres nas entrañas da terra
entumecía o xermolo
e abrollaba a flor sen cor....
......................
I Premio Rosalía de Castro de Barcelona, 1998
De: https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/xoan-neira-lopez/obra/2366/a-caron-do-corazon
CANDAOSO
(poética bravú)
Poderosos cabalos de vento
nas altas praderías do Buio.
Poldros do mar, fillos do nordés
desafiando á xistra invernal.
Rincha o sangue indomábel
ardendo na marca do ferro.
Garañóns de enteira libertade
galopando os territorios do alento
donos da noite milenaria
-o estio só corta unha crina-
Poética bravú.
No hay comentarios:
Publicar un comentario