jueves, 16 de febrero de 2017

RODRÍGUEZ OXEA, Sabela





Nace en Monforte de Lemos no 1958.Licenciada en Historia de Galicia, exerce  como profesora de Lingua e Literatura Galega no Instituto Xoán Montes de Lugo, cidade na que reside ata o seu pasamento.No 2005 publica o libro de poemas Versos do silencio roto.

NEUROSE

Miradas expectantes
Agardan de min
Unha vida que non hai.
O disfraz de comedianta
Tensa os meus nervios
Arelando a penumbra
Móvome coma boneca
Para enganar aos vivos,
Evaporada a miña mente
Sempre noutra parte.


NO SANATORIO

Eu collía malvas para que o meu fillo pensase
Que mamá estaba nun xardín tan grande
Que percorrelo levaba días.
No longo corredor
Cruzaba coas miradas
Perdidas dos enfermos.
¿Que fas ahí princesiña?
Un alto no camiño
Unha fonda bocanada de ar
Que me dera forza
Para voltar á dureza
Da vida dos cordos
Aí fora.

INTENCIÓN

Sen nengunha veleidade
De transcender o Olimpo
Expulso sentimentos margaridas
Para ceibar ao ar
As palabras que me afogan
E ficar así sen roupa
Que cubra o esquelete
Onde reside a única
E auténtica beleza.

 De: Versos do silencio roto


No hay comentarios:

Publicar un comentario