viernes, 24 de enero de 2014

LÓPEZ-CASANOVA, Arcadio






NUNCA tivemos nada, nunca
tivemos nada, nada, nada,
Pois só que vivos era o canto
noso na Terra.Quen cantaba.
(Altos de albor soñamos vida
diante da Casa derrubada,
teitos queimados, mesa pobre
do pan, lareiras desfornadas).
Ollos que ollaron os solpores,
fillos vencidos polas airas,
soas soleiras dende a Noite,
Nunca tivemos, nunca, nada.
Que corazón de canto agora,
que voz de todos, que palabra
nosa diremos...(Dende o exilio
rocha da Morte contra as vagas
da morte sempre) Non tivemos
nin luz nin vida.Nada.Nada
foi noso, Terra.Con que canto
cantar entón...Casa queimada,
rotas as portas, cruz dos mortos
crucificados polas campas,
adro dos himnos, hortos, ermos
montes da sombra, soa herdanza
de soños pra quen vive.(Quen
poeta agora sen palabra,
sen voz de todos e sen vida,
sen canto novo que nos salva).
Nada tivemos nunca, nunca;
nunca tivemos nada, nada.
Orfos de Terra, nunha terra,
teito queimado a nosa Casa,
fillos no leito do sudario,
homes de exilio,(quen cantara
cancións de vivos cando soios
estamos,soios).Nunca nada
tivemos nunca..Ollos que ollaron
vellos solpores, anos, ramas
de luz, de vida, altas soleiras
do Pazo, Terra, Templo, azas
do corazón, do corazón,
do corazón...(Quen o cantara
Ora na Noite).Non tivemos
nin a palabra.
Nada, nada
tivemos, non.
Fillos do exilio,
himno dos mortos, cruz das campas,
montes da sombra, hortos, ermos,
adros de pedra –(!quen cantara
ora na Noite!)-portas rotas,
altar do cáliz, teito e Casa
queimados sempre.
Non tivemos
-de ninguén fillos- nin palabra.


(De: Memoria dunha eda)




DO POEMA


O poema:
tonal de sentimento
e o son da palabra
no suco do verso.

Á luz do poema,
eu do labirinto
dende o escuro espella.

Lámpada do verso:
revelar as sombras
que espreitan por dentro.

Non imite a troba
á fonte do monte,
sempre a gurgullar
cos mesmos acordes.

A palabra espida?
Lingua barateira
do peor escriba.

O verso, libre ou medido?
Que máis ten, se se saben
tanguer as cordas do ritmo!

Atende ó soneto:
rima e sílabas contadas
para afondar no segredo.

(Coda)
Sexa o poema o que
certo deba ser:
Secreta mensaxe
que se afai á luz
da esteticidade.


De: Dicir unha razón