martes, 21 de junio de 2016

REIMÓNDEZ MEILÁN , María





PREÁMBULO

Fiadas pola roupa
Desafiadas pola roupa
que fiamos co fío que nos ataba
que nos desafiaba
que nos desataba
que pode desatarnos.
A calideza do corpo
fronte á la ou ó liño
con poros para respirar.
E a friaxe eterna de non ter mans
máis que para unha roca
que xirou, xirou e xirou
ata afogarnos.
Hoxe, co fío que ninguén fía,
desafiannos novas rocas,
o desexo de sermos fusos
e a sede de afogarmos
do C maiúsculo:
Comprar


FRAGOSO: EL SOSTÉN

Sei que dentro
hai sosténs maiores
porque é onde comprei os meus
cando me perderon a maleta
con toda a roupa de verán
e interior dentro
mais un par de libros reaccionarios.
Sen embargo, no escaparate,
semella que tódalas mulleres
usamos unha 75,
unha 80 como moito,
diría eu.
Logo fico parada un intre
e eu, tetuda compulsiva,
decátome da contradicción
das tallas pequenas
fronte a paixón desenfreada
polos peitos grandes.
¡Co que pesan!

URZÁIZ: D-DUE

O proceso da clonación
hai moito que comezou.
Moito antes
da ovella Dolly
e dos grandes dilemas médicos 
que non nos deixan xa soñar.
A clonación comenzou aquí xa,
en todas esta serie de tendas 
cortadas por patrón
para un grupo de mulleres
tamén por patrón.
Polo menos 
unha loita aberta
contra as clonadas 
sería moito máis divertida
e máis levadeira.
Nada, o século XXI
xa non é o que era,
ó final segue todo
a mesma merda,
sen traxes estilo Star Treck
e sen automatización estilo
Un mundo feliz.
¿Ou?

De: Moda Galega