jueves, 31 de marzo de 2016

OTERO CANTO, Xosé










FIESTRAS


A cidade ten máis ollos ca Argos
nos andares rematados en fiestras.
Ao anoitecer pechan as súas palpebras brancas de persiana
en baixantes lamelas cicatrizadas
de feridas que axustan a noite ao silencio,
para descubrir pesares entristecidos
na pendura meditación absorta en soños,
que se eleva ao gurgullar ausencias
e ao nacer a luz do outro lado da fantasía
enchida nas pucharcas da imaxinación
e nas cavilosidades enmadeixadas da realidade.
Confusións do espírito que patexa
pola ausencia dunha verdade
que se proxecta na virtuallidade do sono

HAI PALABRAS NA INOCENCIA DOS MUROS

Hai palabras escritas
na inocencia branca dos muros.

Hai palabras presentidas e hai  palabras encubertas.

Hai palabras agachadas en capas de pintura política;
e hai política pintada en palabras negras.

Hai palabras que acariñan quereres
e hai corazóns desqueridos.

Hai palabras vermellas
que berran clamores
e hai palabras que claman ao ceo
rompendo as aldrabas dos peitos
en solicitudes de audiencia no clamor da terra.

Hai branca pintura tapando os gritos descarnados,
e a política que queres
.............e os corazóns malqueridos.

De: Poemas da cidade