miércoles, 2 de diciembre de 2015

NÚÑEZ,Toño


Image result for TOÑO NUÑEZ EDUARDO CASTRO BAL

http://www.aelg.org/centro-documentacion/autores-as/tono-nunez

MEU PAI É COMUNISTA

Meu pai non vai á misa
Meu pai traballa os domingos
Meu pai é comunista!
Meu pai ten unha fouce.
Comunista!
Meu pai ten un martelo.
Marxista!
Meu pai ten un arado de pau.
Leninista!
Pero tamén ten unha vaca.
Capitalista!
E catro fillos que manter.
Masoquista!
Meu pai....
Meu pai arrea feixes de toxos,
gadaña a  herba de Curveira,
bota e recolle a colleita.
Meu pai érguese ás  seis da mañá
e vai plantar pinos para o Icona.
Meu pai foi a Francia clandestino
a traballar na madeira
e non cobrou unha peseta!
Meu pai...
Meu pai é comunista!
Pobre meu pai...
non entende os meus versos.



ADIANTE!
 Aos meus alumnos
de onte, hoxe e mañá,
na voz de quen falo.

Onde o sol pinta os outeiros
e a terra bica o mar,
no rodicio do tempo
xermolou un falar.

Alí

Onde a choiva é regalía
e o vento un agarimo,
onde as fontes son canción
e as veas son os ríos.

Alí

No berce dos celtas,
dos romanos pousada, 
nunha volta do camiño
agromou a nosa fala.

Eu son chorima de outeiro,
onda nova de mar,
carantoña de vento.

Eu son cantar de paxaro,
acorde de fonte,
raíz de carballo.

Eu son folla,
eu son voz,
eu son palabra.

Eu son elo na cadea,
amencer de esperanza,
semente da nosa fala!


De: Tempos de Amor en Outono