domingo, 6 de mayo de 2012

SALGADO GARCÍA, Daniel



POESÍA E POLÍTICA

Hai tempo  xa de case todo e tamén do último verán, 
o que vivimos arrimados, con vertixe
de libro de historia, máis ben evitando calor e apertas,
serios porque o impoñen a luz e as condicións obxectivas
da nación, as cancións cos zapatos de Woody Guthrie
e o desprazamento das mellores mentes da xeración de noso,
definitivamente contrarios a expulsarmos nada que non sexan
adxectivos, gañados para refacermos un sitio onde estar,
tantas cousas que non nos acontecen na pel pero
que queiman, que estragan, que cercan, que abren,
sen posibilidade de que o asunto chegue a lugar diferente
nin de que diga que escolle outras praias máis agradecidas 
nin  de que hoxe e agora ceguemos ocos na palabra,
e abofé que non imos negar conforto, comodidade, morneza,
ás cafetarías, só que non se trata de anchura
senón de cómo respiramos, qué incorpora en nós o arreguizo,
quen acompaña os días, 
quen acompaña os días ou quen non escribe o poema político,
cando habemos entrar nas espléndidas cidades.


EXERCICIO DE OPTIMISMO

Imprescindíbel a razón emancipatoria.As caixas
rotas. Cómpre contar co sol no xardín e coa
velocidade da luz.Coa puntuación ortográfica
da sección metal.Todo este país so a hora das nove
en xuño.E unha man na caluga de que estás.


De: Os poemas de como se rompe todo



No hay comentarios:

Publicar un comentario