SABEDES o que é ir coa boca chea
de poesia, manando versos,
cara un lago que se enche de augas musicais?
Amades , de vagar, a madeira? E os tellados antigos?
Coñecedes as aptitudes da pel?, e
vislumbrades, armados de ternura,
nos acenos do pracer, a loucura
que nos habita e nos sostén
cando todo o soño se derruba?
Virán visitarnos, estaremos idos.
Virán preguntarnos, será tarde.
PROCLAMO o verso máis inspirado
a palabra precisa do que sabe:
silencio isto é.Neste outono
no que entrego o corpo a un lentor
vexetal, onde macera a carne
adolescente, para non transgredir
a estación e restablécese
coa límpida cor das amanitas.
Ergo a vida contra a desfeita
que nos mandan ,
sen falar,
sen prostituír o ar,
a peneirada luz, nesta arboreda
ameazada conteño o berro.
Porque sempre , sempre a seiva
alí escondida me reclama.
De: Cantos da Seiva
No hay comentarios:
Publicar un comentario