POEMA DO FILLO
Hai unha relación evidente.
Un poder substantivo que nos convoca.
Contemplar o fillo debaixo da sombra
do vello castiro, aí, onde está
coa súa Les Paul Custom AWH
emulando o comportamento dos Monos Árticos.
Con ese espírito,
O SEU, caéndolle por diante dos ollos--
MEMORIA EPISÓDICA
A imaxe do Citroen Dyann 6
con letras laranxas imprentadas
no cristal do portón traseiro onde dicía
PARA GENTE ENCANTADORA
é unha manifestación mais
da melancolia como factor ou vínculo.
algo que determina
a producción LITERARIA do AGORA
Isto e mais outro
o que se escribe
e mais o que non garda relación algunha
co que se escribe
Estar alí, no pendello da Casa da Ferreira,
e darlle á panca do intermitente
para escoitar o preciso tic-tac que emitía.
Acedendo pola noite
e alterar as luces longas coas curtas.
Escoitar o propio folgo no seu interior
e remexer a guanteira onde sempre había
restos de Optalidón e papeis que falaban
das características técnicas do vehículo.
Un sistema que se organiza a sí mesmo
onde todo se regula sen necesidade
de plantexamentos- unha liberdade
Entrar, falar da família, criticar.
E viaxar cara a un día de festa
na casa da tía Virtudes;
aló, no Pacio, despois do cruce da Mámoa.
Ir dentro.
Co cheiro intenso a Varon Dandy
e coa luz que caía de cheo
sobre os ollos que se pechaban.
Que se pechaban!
Que se pechaban!
Así, unha combinación de imaxes
como resultado do control exercido
-unha e outra vez teimadamente-
sobre um espazo de sensacións abertas
que conforman isto que se chama
Memória Episódica
onde se representan vivencias e acontecementos
que funcionan como epifanías ou, se a caso, liberacións
cognitivas dunha información que fica aí, organizada,
á que se accede grazas a unha espacie de bucle
espazo-temporal onde se lembran intres e lugares
debidamente codificados...--
De: Fornelos & Fornelos
No hay comentarios:
Publicar un comentario