martes, 16 de septiembre de 2014

MIRANDA RUÍZ, Xosé



Xosé Miranda (AELG)-3.jpg


EU DEPUREIME NO MEU PROPIO INFERNO.

Da miña propia dor fun levantado.
Amaba xa sufrir,vivir deitado,
e odiaba a primavera máis có inverno.

Soñar, se cadra, nese adeus eterno,
nesa estación do sempre inacabado,
nese tren que se vai cara ó pasado
nese pasado fixo nun caderno.

Soñar o verso, a vida, a rebeldía,
a xuventude, rápida e irredenta;
nestas tardes soñar o que as primeiras.

Soñar resucitar , resucitar, e un día
ser eu de novo: Aquel , a ollada atenta,
o peito limpo, as ilusións enteiras.



ÍA EN BUSCA DA LUZ A COMPOSTELA

de  portal en portal, de rúa en rúa,
e non viu outra luz cá luz da estrela
que en noites negras sustitúe á lúa.

Ía buscando a luz nunha xanela
pois creu que só era luz a que era súa,
e non viu outra luz nos ollos dela
ca da estrela distante, e fría e núa.

Ía buscando a luz que non había
pois é remota, ou morta , ou fuxidía
e que bota unha estrela sobre un home.

É a penas o sinal de que houbo un lume,
de que houbo un pasaxeiro vagalume,
e de que agora só perdura un nome.

De : Sonetosfera




No hay comentarios:

Publicar un comentario