sábado, 14 de abril de 2012

VERGARA VILARIÑO,Fiz







FONTE DA COVA

Esta Fonte da Cova garuleira
xigantesca vaxina de pena caliza,
en cada onda tráeme novas de ti,
e en cada golforón dime por que existo,
porque estou aquí,
xunto o vello muíño,
agardándote
espiollado.

Do corazón da rocha dura
xorde xelada e cristalina
nun enorme regueiro escumeante,
entonando cántigas aprendidas antano
nos mismos labios dos devanceiros mortos.

Ten un arrecendo a paxartos e labregos,
nacidos en lonxanas terras de ningures,
e chega ós meus beizos con sabor a ti,
noiva desexada
e  nunca tida
enteiramente.

Do fondo desta Fonte nemorosa,
templo catedralicio da miña nenez,
quixera verte xurdir algún día,
núa, abrazada ás ovas verdecentres,
como si foras unha sirea de auga doce
e acabaras de copular cun somorgullo.


II

Quero te-lo teu corpo adolescente
xunguido co meu corpo máis maduro
e senti-lo seu folgo dulce e puro
ó compás da careixa translucente.
Quero te-lo teu sangue, lava ardente,
mesclado co meu sangue medio escuro
e amainar deste xeito o cancro duro,
inimigo feroz, ferro candente.
Quero terte,  muller, en carne e óso
e lateres na miña pel tremante
o mesmiño que un xílgaro saudoso.
Quero terte lizgaira e gaiolante
a me cantares cántigas de noso
ata fretarme libre,mar adiante.


 De: Nos eidos da bremanza



No hay comentarios:

Publicar un comentario