jueves, 28 de marzo de 2013

RÁBADE PAREDES, Xesús




 




1.959.NAIS TODAS

Foron rea longuísima de escravas
baixo todos os amos.
Os canteiros puxéronas en cruz,
cos nenos moribundos nos seus brazos.


E volvo atrás a folla balorenta do tempo
e pronuncio as palabras primeiras que me deches
e fálame só un eco
no que habita o meu nome.



1.991 .TARDE EN HANNOVER

Cangan o meu país tres pedras negras:
renunciar á memoria,
querer ser outro
e acabar sendo ovella.

De: Os anos da memoria


martes, 26 de febrero de 2013

RODRÍGUEZ LÓPEZ, Manuel


O MUIÑO DA FERVEDOIRA

Esquecido no fondo dunha rega,
esborrállase o muiño fariñeiro
tradado pola couza no farneiro,
na buxa, na peneira, na moega.

Xa non se lembra da última fanega
de molaxe trocada em pan albeiro,
nin  a frescura sinte do regueiro
que á súa beira rápido escorrega.

Non deixa a mesta fraga ve-lo ceo
Nin o solpor nin  a brillante aurora
e, por veces, ecoa um longo ouveo.
O seu monótono treinar, noutrora,
invitaba a ruar e ó parrafeo
!Que só e abandoado fica agora!

       NOVOS FEITIZOS

Primavera outonal, fentos de cobre
nos lenzos da muralla.Os negrillos
vístense de amarelo.As noites medran
e despreguízanse os primeiros fríos.
O mercado arrecende a mazáns , noces,
castañas abadengas e racimos .
As rúas estalícanse contentas
nun ir e vir de mozas, mozos, libros.
Remataron as festas do Patrón
e a cidade xa ten novos feitizos.

De: Onte e hoxe vivencial



miércoles, 30 de enero de 2013

MARIÑO CAROU,María

Ainda que nace en Noia a súa andaina  como poeta comenza  na serra do Coruel da man de Uxío Novoneyra


Tiven medo de bogar,
tiven medo de auga crara.
Anque fora cuns bos remos
anque fora na mar calma,
¡non bogaba!, ¡non bogaba!
O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.


De: Palabra do tempo


Está caendo a folla i en min nace a primaveira.
¿Quen entenderá este mar vello?
¿Como digo onte sendo hoxe?
¡Como farto a miña verba do nacer que xa pasou!
¡Como reino nas migallas onde medrei un bon día!
¿Como piso forte sendo branda?
¿Como digo si si non está escoitando?
¿Quen entenderá este mar vello?
Medro, medro e non sei onde parar.
Presa xa e ceguiña no cume
lévame,
lévame ó chan a verba.
Queda hoxe o chan soio
muxindo a pegada do tempo.
Mesturadas terras penetran, peneiran fariña,
fariña que non fai masa.c
Rebélanse as ondas ós mares,
os ríos afogan a pradeira seca,
os camiños non se atopan.
¿Quen entenderá este mar vello?
É outono i en min nace primaveira.
¿Quen o entenderá?

(De: Verba que comenza)

viernes, 25 de enero de 2013

VALLE REGUEIRO, Luis






“Escribo porque teño  un sapo seco no corazón , e unha flor morada cravada no ollo”.



MASTIGO INZOS DO TEU TEMPO, relouco roio e tripo a túa luz até ser imaxe de ti: estrela parideira, teimna oceánica das artérias, certeza da vida entre os  metais fundidos.
Ouh pai, abre o teu corazón aos insectos que anegan as miñas pálpebras! Arrinca o vento que queda nas paredes! Soña en vixilia os berros que veñen do silencio.


ASÍ É A PERDA DA INOCENCIA : inútil coma o canto dun galo de pedra.


O PESCADOR
Amo os peixes.Amo a súa fermosa danza, a súa sintaxe prateada e torpe nas redes , mirando cara o sol. Son como áxiles gatos de cinza, rabuñando a claridade doutro mundo.


 De:  Fedor

sábado, 12 de enero de 2013

CORREA CALDERÓN, Evaristo


 




OS POEMAS DA ESALTAZÓN DA CARNE  (1.918)

Idolo eterno!
Erel-a esgrevia escultura da carne, a escultura da mármore rosa..
Eu reverénciote.
Eu ofrézoche a frolazán ardorosa da miña  Xuventude.
!Ouh carne!
Arela, dixo Hugo.I-en por  isto na letanía de Rubén , lostreguean istes versos:

“La vida se soporta,
tan doliente y tan corta,
solamente por eso:
Roce , mordisco, beso..

Soasmente por iso.Soasmente por iso..
! Ídolo eterno e insaciabre!
Em todol-os momentos tenros d´ofrendarte,nos cálices d´ouro,  o roxo viño dyonisiaco do noso sangue.
Donas a ledicia d´aquel Momento e dónal-a tristura despois..
Unha (sic) tristura malada e morbosa, malencónica e sutil...
!Ouh , a Ledicia efímera  e o Dôr eterno da carne!
E todos, os optimistas e os xóvenes e os eunucos, com´un soio, adorámoste.
I-erel-o­ Ídolo.
O único Ídolo  de tod´â nosa Viola (sic)
O vello Shopenhaüer tiña unha mueca sarcástica ô falare do Amor.
O Amor ,non  é mais qu´o desexo da Carne, ainda o mais ateigado d´esprito.
Soio se ama a Vida, pol-a consagración litúrxica  d´aquel Momento...

CARNAVAL TRÁXICO (1.920)

As máscaras qu´eu vin:
Un comparsa de coxos todos eles c´unha perna mutilada vestidos de mariñeiros, pedindo unha smola pol-as ruas, berrando o cuplé de moda acompañados dunha banda de múseca do povo.
(Que laios tiña aquela canzón nos beizos d´os coxos! Que dôr n´a aquela canzón!)
Outra comparsa de coxos.
Outra comparsa de coxos.
(Tráxico carnaval !)
Un frade, outro frade, tres  frades....Tres frades auténticos.
Catro monxas xuntas.
(A xente se ría crendo que era unha comparsa)
Muitos homes gordos e coloraos.
Muitos señoritos vestidos de señoritas.
Muitas zarrapastrosas.Unha levaba um chourizo pendurado dun´ha caña , dicindo: “Al higuí”. “Al higuí”.Seguíana, dando brincos , algús pequenos fracos e famentos.




domingo, 2 de diciembre de 2012

PATIÑO PÉREZ, Antón





SOMBRAS alongadas
surcan a cidade insomne
na travesía do enigma
prazas feitas de soedade
onde o fume inmóbil
condensa o tempo.

Arquitectura do lonxe
muros de silencio
os contornos precisos
da metafísica do baleiro
señardade das cousas
anatomía da saudade
que tem pintado Chirico.

EXPLOSIÓN R.P.

Lóstregos nos ollos
espirais e dioptrías
peneirando o mundo

O corpo transporta
a rebeldia que nace
da tatuaxe do medo.



MORTE segunda
do paxaro
A vida feble
coma un fio
Foxe das mans




De: Océano e silencio